Mobilizacións veciñais


Anos 70: Os primeiros pasos nun barrio que mudaba

A asociación naceu en 1977, nun momento de profunda transformación política e urbanística para todo o país. O barrio de Oza-Gaiteira-Os Castros xa convivía dende anos antes coa refinería de A Coruña —inaugurada en 1964 e ampliada sucesivamente ata superar o millón de metros cúbicos de capacidade de almacenamento— e coa actividade do muelle petrolero de San Diego.

O xermolo da loita veciñal desta época quedou simbolizado nunha das primeiras mobilizacións documentadas: a manifestación baixo o lema “Fora a CAMPSA do barrio” en 1978, que xa anticipaba o que sería un dos fíos condutores da historia da asociación: a relación tensa entre o barrio e as instalacións industriais portuarias. O período remataba co comezo das obras do Paseo Marítimo en 1986 e coa sinatura, en 1987, do acordo entre o Concello e CAMPSA para a cesión dos terreos que hoxe son o Parque Europa, un logro que tardou anos en facerse realidade pero que tivo as súas raíces naquelas primeiras presións veciñais.

Vista dos depósitos da CAMPSA (hoxe Parque Europa)

Anos 80: Urbanismo, seguridade e a loita polo Parque Europa

A década dos oitenta estivo marcada por dous grandes eixos de reivindicación. Por un lado, a demanda dunha mellora dos servizos e infraestruturas do barrio: os veciños de Os Castros reclamaban maior presenza policial ante a actuación de bandas delituosas, e a asociación esixía do concelleiro de urbanismo avances no parque de A Gaiteira, a construción dun centro de saúde, a instalación de pasos de peóns na Avenida do Pasaxe e marquesiñas para os autobuses.

Por outro lado, a preocupación polo porto non desapareceu. En 1991 os veciños de A Gaiteira e Oza expuñan ao Goberno Civil os seus temores ante a posible construción dunha dársena en Oza, e a asociación denunciaba as inundacións nas casas máis próximas ao Parque Europa causadas polas riadas procedentes dos novos espazos en construción.

A finais da década, a presión veciñal deu os seus froitos: en 1990 o pleno municipal aprobou por unanimidade a expropiación forzosa dos terreos da CAMPSA en A Gaiteira, o primeiro gran paso cara ao que décadas despois sería o Parque Europa.


Anos 90: A batalla do carbón e as grandes mobilizacións

Se hai unha década que define a combatividade desta asociación, esa son os anos noventa. Dúas frontes abertas dominaron o período: a contaminación das descargas portuarias e a construción dos novos accesos á cidade.

Máis de 2.060 veciños de Os Castros asinaron un escrito en 1992 dirixido ao Presidente da Xunta e a varias consellerías para denunciar as descargas no muelle do Centenario. En 1996, case 3.000 persoas saíron á rúa nunha manifestación entre o Mirador dos Castros e a Autoridade Portuaria, e preto de 1.500 veciños presentaron alegacións contra a construción dun muelle carboneiro. Nese mesmo ano, os veciños colgaron sábanas brancas nas ventás para mostrar os efectos do carbón nas súas casas, repetindo o xesto a primeira semana de cada mes.

Paralelo a isto, a asociación denunciaba os problemas co proxecto dos novos accesos á cidade que afectaban de cheo ao barrio, iniciando recollidas de firmas, reuníndose con representantes do Ministerio de Fomento e pedindo que se alargase o túnel de Os Castros para reducir a contaminación acústica. A presión veciñal conseguiu que o Concello legalizase o parking Miramar, que fora incluído na lista de propiedades a expropiar para o Parque de San Diego.

Ao final da década chegaron as primeiras recompensas: a inauguración do Parque Europa en 1993, a apertura do Centro de Saúde de Monte das Moas en 1997, a peatonalización da rúa A Gaiteira en 1999 e a inauguración do Parque de San Diego (e o centro social) en 1999, logros que non terían sido posibles sen anos de presión constante.

Camións de transporte de gran sen o emprego de toldas

Anos 2000: O carbón, o Prestige e a Fábrica de Tabacos

A chegada do novo milenio non trouxo a paz ao barrio. A loita contra as descargas portuarias intensificouse ata alcanzar cotas sen precedentes. En outubro de 2002, os veciños cortaron o tráfico en protesta pola contaminación de carbón, sendo a asociación multada con 9.610 euros en sancións que combatiu xudicial e administrativamente. O mesmo ano, a asociación celebrou o seu 25 aniversario cunha exposición fotográfica no Fórum Metropolitano titulada “O barrio no tempo”.

O afundimento do Prestige en 2002 sacudiu a toda a cidadanía e a asociación sumouse ás mobilizacións convocadas pola plataforma Nunca Máis. Mentres, a Fábrica de Tabacos pechou as súas portas en 2002 tras 194 anos de actividade, e a asociación apoiou aos traballadores e traballadoras, moitos veciños do barrio, ao longo de todo o proceso, dende os primeiros EREs ata o peche definitivo.

A gran vitoria desta época foi a construción da Medusa, o sistema semicerrado para as descargas de carbón que comezou a edificarse en 2006 e que supuxo un recoñecemento implícito de que as queixas veciñais eran lexítimas. Pola súa banda, a antiga Fábrica de Tabacos converteuse nun novo fronte de traballo, coa asociación seguindo de preto o proceso de urbanización, a construción de vivendas de protección oficial e o futuro do edificio histórico.


Anos 2010: Movilidade, patrimonio e a apertura do porto

A terceira década de vida da asociación estivo marcada por reivindicacións máis diversas, reflexo dun barrio máis complexo e dunha cidadanía máis esixente.

A movilidade converteuse nun eixo central: frecuencias de autobús insuficientes, falta de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida, o polémico bulevar verde da Avenida de Oza —inaugurado en 2011 e eliminado apenas un ano despois, ca postura contraria da asociación—, e a reclamación dun plan de movilidade consensuado con todos os axentes do barrio.

O patrimonio tamén centrou moitas enerxías: a denuncia do abandono do edificio modernista do número 152 da Avenida de Oza, a recuperación do Faro de Oza como espazo de uso cidadán —inaugurado en 2018 tras anos de reivindicación—, a preocupación polo estado do Corralón de A Gaiteira e a proposta de converter o faro nunha aula do mar e da cultura.

Fronte ao porto, a asociación mantivo a presión por conseguir a cesión pública dos terreos portuarios, sumándose a mobilizacións que congregaron a 4.000 persoas en 2018 baixo o lema de recuperar o litoral para a cidadanía. A iniciativa Pantasmas de Oza, posta en marcha en 2016, mostrou ademais o interese da asociación por recuperar a memoria do barrio e o antigo concello de Santa María de Oza a través de roteiros polos lugares desaparecidos.


Anos 2020: Novos retos, mesma vocación

A pandemia de COVID-19 interrompeu a actividade presencial en 2020, pero a asociación retomou o seu traballo con renovada enerxía. As reivindicacións desta última etapa combinan demandas históricas —a oposición á construcción dunha planta de tratamento de residuos de buques no muelle de Oza, contra a que a asociación presentou recursos de alzada en 2023; a mellora do Parque de Oza; a seguridade cidadá— con novas iniciativas culturais e comunitarias.

A inauguración dun novo local na Avenida do Exército ese mesmo ano abre unha nova etapa de actividade. E a petición dunha senda verde nos terreos de San Diego desocupados por REPSOL apunta cara ao futuro: un barrio que mira ao mar e quere recuperalo.