Un dos máis antigos do barrio en funcionamento
Ubicación: Rúa Ricardo Vales Villamarín, 2
Apertura: Entre 1955 e 1968
Peche: Ainda aberto
Non podemos determinar con exactitude o ano de apertura deste establecemento. Segundo o catastro, o edificio no que se atopa é de 1955. A primeira referencia documental que temos do café‑bar Begoña aparece en maio de 1968, nun anuncio de prensa que informaba do seu traspaso: “Se ha traspasado el café‑bar Begoña, sito en la calle Villamarín, 2…“. Anos antes, en 1957, recóllese unha nota sobre unha recadación de 100 pesetas en favor do RC Deportivo nun bar chamado Begoña, aínda que non podemos asegurar que se tratase do mesmo local dos Castros.
O que si está claro é que o Begoña é hoxe un dos establecementos hostaleiros máis antigos do barrio que continúa en funcionamento, grazas as súas tapas, a unha clientela fiel e a diferentes xerencias que souberon mantelo a flote. O nome, segundo parece, procede do barco no que traballaba o seu primeiro propietario.
O bar protagonizou tamén un episodio moi lembrado na zona: nos anos setenta, o irmán do expresidente estadounidense Richard Nixon visitou a Manolo Sánchez e Fina Fernández, antigos asistentes do mandatario, e fixo unha parada no Begoña. A nova correu polo barrio con rapidez, e moitos veciños chegaron a crer que era o propio Nixon quen estaba no local.