A franquicia máis importante de videoclubes que tivo un efemero paso polo barrio
Ubicación: Rúa río Monelos, 25
Apertura: sobre 1999
Peche: 2006
Aínda que non era unha tenda de barrio, senón a franquicia dunha multinacional que chegou a ter máis de 9.000 establecementos en todo o mundo, e malia que a súa presenza no barrio foi moi breve, a súa relevancia cultural e o simbolismo da quebra da cadea fan que mereza estar incluída neste listado.
Blockbuster Vídeo foi unha franquía estadounidense de videoclubes fundada en 1985 que, nos seus anos de maior expansión, chegou a controlar arredor do 25% da cota de mercado global. Na década de 1990 iniciou a súa implantación en España, e á Coruña chegou cara a 1999 con dúas tendas: unha en Río Monelos e outra na Ronda de Outeiro.
Os cambios tecnolóxicos, a guerra de prezos dos DVD, o avance da televisión por cable e a aparición de novas plataformas como Netflix (que Blockbuster rexeitou adquirir no ano 2000 por 50 millóns de euros) precipitaron a súa caída. En 2006 pechou de golpe todas as franquicias en España, incluídas as dúas da cidade, e a marca desapareceu a nivel global en 2011, quedando dende entón coma un exemplo clásico dun xigante empresarial que non soubo adaptarse aos cambios.
