A Asociación Veciñal e Cultural Oza-Gaiteira-Os Castros amosa o seu apoio ás actividades organizadas polo comercio e a hostalaría do barrio con motivo do Samaín e do Halloween, iniciativas que contribúen a dinamizar a vida social e fomentar a participación veciñal.
Entre as propostas destaca a ruta infantil «Truco ou Trato», impulsada pola Asociación de Comerciantes de Oza. Os nenos e nenas poderán percorrer os establecementos asociados participantes, recoller caramelos e completar unha tarxeta cos selos dos comercios. Para acceder á festa final será necesario reunir un mínimo de dez selos.
A actividade culminará o sábado 31 de outubro, a partir das 17.00 horas, en Creaciones Vane Espacio & Ocio, na rúa da Merced, 7, cunha festa infantil que contará con monitores, pintacaras, acceso ao parque de bólas, concurso de disfraces e agasallos para as persoas gañadoras. As tarxetas poderán recollerse en Bazar Lamazares.
A asociación tamén quere expresar o seu apoio ás actuacións e celebracións organizadas en diferentes bares e locais hostaleiros do barrio, que contribúen a crear ambiente nas rúas, ofrecer alternativas de lecer e reforzar a actividade cultural e social da zona.
A entidade valora positivamente estas iniciativas, que favorecen o comercio de proximidade, reforzan a colaboración entre comerciantes e hostaleiros e crean espazos de encontro para as familias e a veciñanza.
Por iso, anima a participar nas actividades programadas e a apoiar os negocios locais, lembrando que colaborar co comercio e a hostalaría é tamén unha forma de facer barrio e construír comunidade.
