- A Asociación Veciñal de Oza/Gaiteira presentou esta mañá a programación da Romaría dos Castros 2026, que se celebrará os días 17, 18 e 19 de xullo no Parque de San Diego.
- A rolda de prensa contou coa participación do concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro; do representante da Asociación Veciñal de Oza/Gaiteira, Paulo Sexto; e dos artistas Bieito Romero, fundador de Luar na Lubre, e Xurxo Fernandes, dous dos protagonistas desta edición.
A Coruña, 6 de xullo de 2026. Durante o acto de presentación, celebrado esta mañá no local da asociación, deuse a coñecer o cartel oficial e unha programación que combina música tradicional e de raíz, propostas para todos os públicos e actividades populares, consolidando a Romaría dos Castros como unha das citas culturais e festivas de referencia do verán coruñés.
Gonzalo Castro, concelleiro de cultura, destaca que a Romaría dos Castros é unha iniciativa que comeza na xente, indo de abaixo cara arriba. Ademais, afirma que será “unha romaría que formara parte da historia e tradición da cidade”.
Tamén presente, Paulo Sexto, presidente da asociación veciñal organizadora, comenta que buscan construir un barrio “máis solidario, máis implicado e máis alegre”. Resalta que os artistas teñen un vínculo como barrio e que esta celebración busca transformar a sociedade dende a cultura, a festa e a alegría.
A programación abrirase o venres 17 de xullo co tradicional pasarrúas de Cántigas da Terra, unha das agrupacións históricas do folclore galego, que porá a música para comezar a festa. Ás 21.00 horas terá lugar o pregón, que este ano correrá a cargo de Maika e Willy Sieiro Vázquez, fillos de Víctor Sieiro, pioneiro do fútbol feminino no noso país e unha figura moi querida e vencellada á cidade, cuxa memoria estará presente nesta edición da romaría. A primeira xornada completarase cos concertos de Xurxo Fernándes (veciño do barrio de sempre e asistente ao acto) e Tres Pesos, artistas imprescindibles da música de raíz que sen dúbida farán vibrar o Parque de San Diego.
O sábado 18 será a xornada máis intensa da programación. O grupo Donaire encargarse da alborada e do pasarrúas da mañá, antes da sesión vermú protagonizada por Grupo Maghúa. A continuación celebrarase o tradicional xantar popular e haberá xogos populares para todas as idades.
Xa pola tarde chegará a quenda de Cé Orquestra Pantasma, espectáculo que combina música, humor e teatro de rúa, mentres que a noite estará protagonizada por Acordeireta e por Luar na Lubre, unha das bandas máis internacionais da música folk galega que celebran o seu 40º aniversario e que tamén participou no acto de presentación. A festa prolongarase ata a madrugada coa sesión de DJ Misa.
O domingo 19, Donaire volverá abrir a xornada coa alborada e ofrecerá unha actuación antes do xantar popular. A clausura da Romaría dos Castros 2026 correrá a cargo de Pan Sen Fron, que actuará a partir das 16.00 horas para poñer o peche a tres días de música e encontro veciñal.
A Asociación Veciñal de Oza/Gaiteira destacou durante a presentación o carácter aberto e participativo da Romaría dos Castros, unha celebración que cada verán reúne milleiros de persoas arredor da cultura popular galega e que continúa medrando grazas á implicación do tecido asociativo, das institucións colaboradoras e do público fiel que ano tras ano enche o Parque de San Diego. Igualmente, animan a que a veciñanza participe nesta festa aberta que conta con música, baile, xantar popular e actividades familiares.
A Romaría dos Castros celebrarase os días 17, 18 e 19 de xullo con entrada libre para todas as actividades.
Contacto de prensa para máis información:
981582836 / 697 81 23 62
