Campaña “Faite socio/a”

A Asociación Veciñal e Cultural Oza-Gaiteira–Os Castros inicia a campaña “Faite Socio/a”, unha iniciativa aberta a toda a veciñanza co obxectivo de fortalecer o movemento asociativo e continuar impulsando proxectos que melloren a calidade de vida do barrio.

Baixo a lema “Canto máis somos, máis podemos facer”, a entidade fai un chamamento á participación activa da cidadanía, lembrando que unha asociación forte depende do compromiso das persoas que forman parte dela.

Durante os últimos meses, a Asociación desenvolveu numerosas iniciativas de carácter social, cultural e reivindicativo, promovendo actividades para dinamizar o comercio e a hostalaría, recuperando espazos de encontro para a veciñanza e trasladando ás administracións as necesidades do barrio mediante propostas e reclamacións fundamentadas.

Con esta campaña búscase incorporar novas persoas socias que desexen colaborar na defensa dos intereses comúns e participar na construción dun barrio máis dinámico, inclusivo e participativo.

Ser socio ou socia significa, por 15€ anuais, apoiar un proxecto colectivo que traballa diariamente por mellorar Oza, A Gaiteira e Os Castros, contribuíndo á organización de actividades culturais, á defensa dos servizos públicos, á conservación dos espazos públicos e á promoción da convivencia.

Desde a Asociación destacan que cada nova alta supón máis forza para representar á veciñanza diante das administracións e maior capacidade para desenvolver novas iniciativas en beneficio do barrio.

As persoas interesadas poden solicitar a súa alta a través dos formularios habilitados pola Asociación ou poñéndose en contacto directamente coa entidade.

A Asociación anima a toda a veciñanza a sumarse a este proxecto común:

“Os barrios constrúense coa participación da súa xente. Faite socio/a e forma parte do cambio.”

Información de contacto
Asociación Veciñal e Cultural Oza-Gaiteira–Os Castros

ozagaiteiraoscastros2@gmail.com

☎️ 981 288 122

www.redeoza.org