Hoxe estivemos lembrando a Bebel García no Cemiterio de San Amaro.
Bebel García García (Ribadeo, 1914 – A Coruña, 29 de xullo de 1936) foi futbolista do Deportivo da Coruña, traballador da coñecida familia dos “irmáns da lexía” e militante das Xuventudes Socialistas. Tras o golpe militar de xullo de 1936 participou na defensa da legalidade republicana, foi detido, sometido a un xuízo sumarísimo e fusilado con só 22 anos en Punta Herminia xunto ao seu irmán France.
A súa figura converteuse nun símbolo da memoria democrática coruñesa e do compromiso cos valores da liberdade, a xustiza e a democracia. A súa derradeira mostra de dignidade fronte ao pelotón de fusilamento quedou recollida por Eduardo Galeano no relato Última vontade, converténdose nun dos episodios máis lembrados da represión franquista en Galicia.
Queremos manter viva a memoria de Bebel García e de todas as vítimas da represión, porque lembrar é tamén un compromiso coa verdade, a xustiza e coa defensa dos valores democráticos para que feitos como aqueles non volvan repetirse.

