A Asociación Veciñal e Cultural Oza-Gaiteira–Os Castros fai un balance moi positivo das Festas da Gaiteira 2026, celebradas nos últimos días, e destaca especialmente a participación da veciñanza e a boa resposta do público ás diferentes actividades programadas.
As festas volveron converter a Gaiteira nun espazo de encontro e convivencia, con propostas dirixidas a diferentes idades e que combinaron música, cultura, tradición e lecer. Desde a organización consideran que a resposta da veciñanza confirma a importancia de manter e potenciar este tipo de celebracións como parte da vida social e cultural dos barrios.
Un dos momentos máis destacados desta edición foi o Lembranza Rock, que tivo unha excelente acollida e contou cunha importante participación. Desde a asociación sinalan que o éxito desta proposta “demostra que existe interese por incorporar novas iniciativas culturais e musicais ás festas do barrio, mantendo ao mesmo tempo a súa identidade e carácter popular”.
Agradecemento á veciñanza e ás persoas colaboradoras
A Asociación Veciñal quere agradecer publicamente a colaboración de todas as persoas, entidades, comerciantes, artistas, grupos musicais, voluntariado e colaboradores que fixeron posible o desenvolvemento das festas.
“Unhas festas non se fan só cun programa. Fanse coa implicación da xente, coa colaboración de moitas persoas e, sobre todo, coa participación da veciñanza. Por iso queremos agradecer a todas e todos os que fixestes posible que a Gaiteira volvera vivir estes días con tanta intensidade”, sinalan desde a entidade.
A asociación tamén quixo recoñecer a colaboración do Concello da Coruña e, de maneira especial, a Gonzalo Castro, polo seu apoio, implicación e disposición para colaborar coas iniciativas dos barrios.
“Para nós, Gonzalo é moito máis que un concelleiro. É unha persoa próxima, un amigo e alguén que sempre está disposto a botar unha man. Sen a súa colaboración, moitas das cousas que conseguimos sacar adiante serían moito máis difíciles”, destacan desde a asociación.
Unha festa para facer barrio
Desde a Asociación Veciñal consideran que o éxito das festas vai máis alá do número de actividades ou da participación. “As festas son unha oportunidade para facer barrio, crear comunidade, apoiar a cultura e favorecer o encontro entre veciños e veciñas”.
A entidade considera que esta edición deixa un balance moi satisfactorio e reafirma o seu compromiso de continuar traballando para que a Gaiteira conte con actividades culturais e festivas ao longo do ano.
“A festa faise entre todos e todas. E este ano demostramos, unha vez máis, que cando o barrio se implica, o resultado merece a pena.”
