100 postos de alimentación no corazón do barrio
Ubicación: Rúa da Merced, 63 e Avenida de Oza, 148
Apertura: 8 de xuño de 1972
O 8 de xuño de 1972 abriron no centro do barrio, dentro do chamado Centro Comercial Os Castros, as coñecidas Galerías de alimentación “Los Castros”, un espazo de arredor de 2.000 metros cadrados e máis de cen postos, promovido polos irmáns Somoza Ares e con accesos tanto pola rúa da Merced como pola avenida de Oza. Segundo recollían as novas da época, os cánones dos locais —en réxime de aluguer— oscilaban entre as 600 e as 1.000 pesetas. A súa inauguración supuxo un notable impulso para a vida comercial do barrio, que daquela carecía de establecementos de dimensión e variedade comparables.
A apertura de grandes superficies comerciais, a expansión dos supermercados, os cambios nas dinámicas de consumo e o escaso mantemento das escaleiras do centro comercial, provocaron unha diminución progresiva do número de establecementos abertos. A pesar dos intentos da asociación veciñal por revitalizalas, hoxe apenas quedan postos en funcionamento.
