A Asociación Veciñal retira un vídeo da súa canle de Tiktok que contiña datos erróneos

O pasado 22 de maio, a Asociación Veciñal publicou na súa canle de TikTok o vídeo “Por que hai un dragón nos Castros?”, unha das pezas divulgativas realizadas no marco do proxecto Facendo Barrio, Facendo Historia, patrocinado polo Concello da Coruña. Tras a súa publicación, detectáronse diversos erros no contido e, en coherencia co compromiso de rigor histórico que guía este proxecto, decidiuse proceder á súa retirada das redes sociais.

Co fin de facilitar a comprensión desta corrección e por un exercicio de transparencia, reproducimos a continuación o vídeo orixinal, acompañado das aclaracións oportunas sobre os erros detectados no seu contido:

En primeiro lugar, no vídeo afirmábase que o dragón fora instalado no ano 2003. Esta información foi tomada dunha nota informativa do propio Concello da Coruña sobre a restauración do monumento, na que figura esa data, e que foi reproducida por distintos medios de comunicación.

Porén, posteriormente comprobouse que este dato era incorrecto, xa que nas imaxes da inauguración dos xardines do Parque Europa, celebrada o 30 de maio de 1993, pode verse claramente que a escultura xa formaba parte do espazo desde aquel momento.

En segundo lugar, o vídeo recollía unha lenda vinculada ao dragón que fora creada pola propia asociación hai dous anos como parte dunha acción de promoción das Festas da Gaiteira. Ao tratarse dunha recreación divulgativa e non dunha información histórica contrastada, considerouse que a súa inclusión podía xerar confusión. Por este motivo, e de común acordo entre as entidades implicadas no proxecto, optouse pola retirada da publicación.

Nova aparecida da Opinión A Coruña do 9 de agosto de 2024

A Asociación Veciñal lamenta estes erros e agradece as achegas realizadas para a súa detección, reafirmando o seu compromiso coa divulgación rigorosa da historia e da memoria do barrio.

No momento da súa eliminación, o vídeo superaba as 16.000 visualizacións, converténdose na publicación de maior alcance da historia recente das redes sociais do barrio.