A Asociación Veciñal e Cultural Oza-Gaiteira–Os Castros organiza a proxección o 7 de setembro, ás 19:00 horas, no Fórum Metropolitano A Asociación Veciñal e Cultural Oza-Gaiteira–Os Castros organizará o vindeiro 7 de setembro, ás 19:00 horas, no Fórum Metropolitano, a proxección do documental «O próximo baile será comigo», unha obra de Sabela Losada Cortizas que aborda, en primeira persoa, a importancia do apoio mutuo entre mulleres fronte á violencia machista.
O documental, que xa xerou un importante interese e debate, foi preestreado en Santiago o pasado 20 de novembro e recibiu o Premio Luísa Villalta 2024 da Deputación da Coruña e foi seleccionado en festivais de México e Berlín, un recoñecemento que pon en valor a súa achega á igualdade e á reflexión social.
Unha mirada sobre a forza do apoio mutuo
«O próximo baile será comigo» pon o foco na importancia da sororidade e do apoio mutuo entre mulleres, mostrando como este acompañamento pode resultar fundamental para afrontar situacións de violencia machista. A obra tamén aborda unha realidade especialmente complexa: a falta de apoio social e institucional coa que en moitas ocasións se atopan as vítimas.
A través dunha mirada directa e en primeira persoa, o documental busca achegar ao público a unha realidade que continúa presente na sociedade e promover unha reflexión colectiva sobre a necesidade de acompañar, apoiar e non deixar soas ás mulleres que sofren violencia. A proxección contará coa presenza da directora, Sabela Losada Cortizas, e dalgunhas das mulleres protagonistas do documental, que participarán no encontro co público.
Unha actividade aberta á veciñanza Desde a Asociación Veciñal consideran que a proxección deste documental constitúe unha oportunidade para achegar ao barrio propostas culturais que tamén permitan reflexionar sobre cuestións sociais e de igualdade.
A entidade anima á veciñanza dos Castros, da Gaiteira e do conxunto da cidade a participar nesta actividade e coñecer unha obra que fala da importancia da solidariedade, dos coidados e da capacidade das mulleres para apoiarse mutuamente.
A actividade está organizada pola Asociación Veciñal e Cultural OzaGaiteira–Os Castros, coa colaboración do Concello da Coruña.
📅 7 de setembro
🕖 19:00 horas
📍 Fórum Metropolitano
Sobre o documental
«O próximo baile será comigo» é un proxecto de Sabela Losada Cortizas, coa participación de Alicia García Sampedro, Carmen, Cata Alonso Abeijón, Merchi (nai de Alejandra Di Nuovo Gómez), Ysabel Marcano e Sabela Losada Cortizas. A obra conta tamén con cámaras de David González e Chema Montero, son de Francisco Gómez, montaxe de Susana Sotelo e Chema Montero, posprodución de son de Brais Barreiro e cor de Javier Brun.
