Hoxe temos ·  🗓️ · →

Exposición sobre Xosé Velo no IES Monte das Moas

Como parte do proxecto Facendo Barrio, facendo Historia, apoiado polo Concello da Coruña, a Asociación Veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros, impulsa no IES Monte das Moas a exposición “Love Velo”, adicada á figura do galego Xosé Velo.

Dita exposición que estivo presente en máis de 20 lugares de Galicia, España e Portugal, estará no instituto entre o 2 e o 9 de outubro, e o mesmo día da inauguración, as 10:30, proxectarase o documental, e Pilar Velo e Conchita Otero, descendentes de Xosé Velo e Mariano Otero Castelao e veciñas do barrio de Os Castros ofrecerán unha charla ao alumnado.

Xosé Velo Mosquera (Celanova, 1916 – São Paulo, 1972) foi militante do galeguismo republicano, destacado pola súa oratoria e compromiso. Tras o golpe de Estado de 1936 sufriu detencións, acoso, e estivo preso no cárcere da Torre, fuxindo a Portugal, onde foi preso pola policía do Estado Novo portugues antes de exiliarse en Venezuela. En Caracas impulsou a actividade cultural galega e participou na creación do DRIL, organización que en 1961 levou a cabo o secuestro pacífico do cruceiro Santa María para denunciar internacionalmente a brutalidade das ditaduras ibéricas. Instalado no Brasil, mantivo o labor político e editorial ata a súa morte, sempre marcado polo exilio e unha fonda vocación humanista.